Friday 03 de May de 2024

El Circo de los Horrores volve á Coruña co seu espectáculo ‘Bacanal’


A compañía ofrecerá seis funcións no mes de abril no Coliseum

As entradas sairán á venda este venres ás 13.00 horas

El Circo de los Horrores presentará na Coruña o seu novo espectáculo. Trátase de ‘Bacanal’, a quinta entrega desta compañía tan recoñecida, que terá lugar no Coliseum do 21 ao 24 de abril.

El Circo de los Horrores congregou por todo o mundo a millóns de espectadores e espectadoras nos seus anteriores espectáculos. Nesta ocasión, o seu director Suso Silva, Premio Nacional de Circo, amosa na súa creación unha mestura de sensacións moi provocadora. Fusiona o teatro de vangarda, o circo contemporáneo e o cabaré máis salvaxe, os selos de identidade desta compañía.

As entradas para as diferentes funcións poñeranse á venda este venres 18 de febreiro ás 13.00 horas a través de Ataquilla.com, a web do espectáculo (bacanal.circodeloshorrores.com) e o local de billetes do quiosco da praza de Ourense. Non estará permitido o acceso a menores de 16 anos. Haberá un total de seis funcións: xoves 21 (20.00 horas), venres 22 (18.45 e 22.00 horas), sábado 23 (18.45 e 22.00 horas) e domingo 24 (17.00 horas).

Sobre o escenario estarán destacados artistas como o Dúo Moh, formado por Hamza e Mohamed; o contorsionista César Pindo, a bailarina de Pole Dance Jeni Essence; o especialista no arame, Lan Shi Xiong ou o experto en cintas aéreas, Akos Birizt.

El Circo de los Horrores é un dos espectáculos circenses máis coñecidos do mundo, con 3,5 millóns de espectadores e espectadoras no conxunto das súas catro obras. Contan con 12 anos de experiencia nos que amosaron unha maneira innovadora de presentar este tipo de eventos grazas ao seu trato directo co público, o humor adulto que amosan e o talento dos seus distintos números de circo.